Tuesday 21 de May de 2024

Rey destaca o labor de AJE por crear emprego e riqueza na cidade


 

A alcaldesa presentou a gala da novena edición do Premio Iniciativa Empresarial de Galicia 2020, organizada pola asociación, en que se distinguirá o 4 de marzo no Teatro Rosalía a mellor empresaria ou empresario galego e a iniciativa emprendedora máis destacable
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá a
gala da novena edición do Premio Iniciativa Empresarial de Galicia 2020,
organizada pola Asociación de Jóvenes Empresarios da provincia da Coruña (AJE)
e que terá lugar o 4 de marzo no Teatro Rosalía Castro. A rexedora dixo que estaba
orgullosa de poder compartir coas novas e novos empresarios un evento que
fomenta e estimula o desenvolvemento da cultura empresarial, potencia a creación
de actitudes positivas para a iniciativa emprendedora e recoñece o traballo das
empresas e das e dos emprendedores coruñeses que destacaron nos diferentes
ámbitos de actuación. En nome da Corporación, Rey agradeceu a organización dos
galardóns por crear “un núcleo en que xurdiron e xurdirán firmas que dan emprego,
riqueza e benestar” e animou a asociación a que siga mantendo o espírito innovador
que a caracteriza, posto que “tamén é unha forma de facer cidade, porque o seu
traballo é importantísimo para o desenvolvemento económico da Coruña e debe
estar apoiado por esta Administración local e o resto de administracións”.
Insistiu en que a colaboración coas pequenas e medianas empresas da cidade é
vital para o seu éxito e “AJE serviulle durante moitos anos á mocidade para
aconsellala sobre a viabilidade e o crecemento de empresas”. Rey espera contar

Nota de Prensa

coa asociación para o proxecto da Cidade das Tics, “un polo de atracción
tecnolóxica”, que dará acubillo a toda a industria 4.0 co que o colectivo realiza tan
bo traballo. Pola súa parte, o presidente de AJE da provincia da Coruña, Miguel
Miragalla, sinalou que este ano serán os anfitrións, despois de que a gala rotase por
todas as AJE locais de Galicia e falou do Teatro Rosalía como un marco
incomparable para recibir os axentes económicos e empresariais de Galicia, onde
se distinguirá co Premio Xove a mellor empresaria ou empresario e a iniciativa
emprendedora de menos de dous anos máis destacable, xunto con catro accésits á
responsabilidade social empresarial, internacionalización, creación de emprego e
innovación.